BEAUTY BAR
BEAUTY BAR by Melisa Vázquez
O concepto
‘Beauty bar by Melisa Vázquez’ nace como unha expansión de negocio na que a maquilladora profesional Melisa Vázquez sae do seu pequeno e íntimo estudo de maquillaxe, para dar un enorme salto na súa carreira en todos os aspectos, ofrecendo diferentes servizos nun espazo más amplo e coidado no que se refire a imaxe e deseño. O concepto de ‘beauty bar’, enténdese como a evolución do típico salón de beleza, no que ademais de realizar os habituais tratamentos de manicura, pedicura, ou depilación facial entre outros, tamén propón a posibilidade de tomarse tranquilamente unha copa ou un café, cun valor engadido a nivel de deseño interior.
A intervención
A sofisticada fachada caracterizada pola súa carpintería metálica en dourado, as súas amplas ventás, así como as molduras e os toldos de raias a modo de tenda parisina, configuran un conxunto que funciona como a perfecta carta de presentación para este tipo de negocio, invitando a entrar nun entorno especial e con encanto.
Unha vez no interior, adentrámonos nun ambiente que nos incita á relaxación grazas a todos os seus compoñentes; os predominantes tonos suaves do mobiliario, as estruturas e detalles en elegantes dourados e a cálida iluminación que baña todo o local. Estes factores, atópanse á súa vez envoltos por un doce e particular perfume que inunda toda a estancia e unha agradable música que acompaña á escena.
No que se refire á distribución, preséntanse dúas zonas representativas, por unha parte, a sala de espera, que se basa nun recuncho no que todos os elementos son predominantemente dunha mesma cor xerando unha escena onírica. E por outra parte, a zona de tratamentos, que consiste nun espazo común dividido en diferentes estacións que ofrecen diversos servizos, diferenciándose grazas á iluminación e a señalización dos neons.
A través deste proxecto, conseguimos xerar un espazo que ademais de estar acondicionado para as correspondentes funcións de beleza e estética, consegue provocar no cliente agradables sensacións que o convirten nunha experiencia en si mesma.
- Proxecto: Beauty bar by Melisa Vázquez
- Onde: Avenida da Constitución 91, baixo 2, Boiro.
- Ano: 2019
- Deseño: Studio Moai